Sunday 28 de April de 2024

Máis de medio cento de rapaces e rapazas participarán mañá venres no Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso


O auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá mañá venres 9 de xaneiro, a partir das 19:00 horas, a terceira edición de Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso. Un concerto de hora e media de duración e no que participarán máis de medio centenar de rapaces e rapazas do municipio, de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. A entrada é libre e de balde.

O director da Aula de Música de Oroso, Juan Salgueiro, explica que “será un programa variado, que mesturará as actuacións da orquestra e do coro infantil con dúos de música folk, un pequeno grupo de cámara e mesmo un grupo de rock, polo que a selección de pezas será moi variada”. De feito, o festival arrancará coa actuación dos máis pequenos, os nenos e nenas de Música e Movemento, de idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos, que interpretarán “Canción mítica”, de Ruth García Campos.

Os membros da orquestra e do coro infantil, de entre os 8 e os 15 anos, interpretarán varias pezas: a banda sonora de “A bela e a besta”, “Sad movie” e a banda sonora de “Os chicos do Coro”. Canda eles actuarán dúos de guitarra e violín, piano e violín ou dúas guitarras, así como un pequeno grupo de cámara con violíns, contrabaixo e piano. O punto e final correrá a cargo dun grupo de rock formado polos máis maiores da Aula de Música de Oroso.